Skip Menu

Navigation

Estudo dunha alternativa a Avaliemos

Xestor de cuestionarios web Opina

Autor:Oficina de Software Libre da UDC
Copyright: Creative Commons (http://creativecommons.org/licenses/by/2.0/es/)

Situación actual

Software que se emprega actualmente: Avaliemos

Na actualidade, a Universidade da Coruña (UDC) está a empregar, no web de enquisas do alumnado e do profesorado, un programa que se realizou ad-hoc e que se denomina Avaliemos. Este programa xurdiu pola necesidade de automatizar o proceso de avaliación docente da Universidade da Coruña a través de enquisas para o alumnado e o profesorado que se contestan integramente a través da rede.

A recollida dos datos faise a través dunha aplicación informática que se deseñou para o efecto; con todo, e nunha fase previa, formulouse un sistema de xeración de enquisas.

Descrición

Trátase dunha aplicación ad-hoc que de desenvolveu no contorno Microsoft Visual Studio .NET 7.1 [1] mediante a linguaxe C# [2] e mais a linguaxe de scripts JavaScript [3]. Unha das técnicas que usa é o ASP [4].

[1]http://es.wikipedia.org/wiki/.NET
[2]http://es.wikipedia.org/wiki/C_sharp
[3]http://es.wikipedia.org/wiki/Javascript
[4]http://es.wikipedia.org/wiki/Asp
Funcionalidades
  • Permite engadir instrucións para cubrir as enquisas.
  • Permite introducir un elevado número de preguntas con até 18 opcións de resposta.
  • Tanto nas preguntas como nas respostas pode introducirse calquera texto.
  • As respostas poden ser abertas (con espazo para escribir) ou pechadas e, neste último caso, as opcións poden presentarse de xeito que só se poida marcar unha ou varias (resposta múltipla).
  • Permite seleccionar o tipo de enquisa (xeral ou por materias) e a poboación de destino (alumnado ou profesorado).
  • Ao estar a aplicación asociada automaticamente co Plano de organización docente e coa base de datos da matrícula, acádase que a cada docente lle aparece para avaliar as materias que impartir, e para cada estudante se lle presenten de forma automática as materias en que estiver matriculado acompañadas do profesorado que delas se encargar.
  • O proceso de autenticación por parte dos enquisados garante unha total confidencialidade dos datos e o anonimato das respostas.
Deficiencias
  • O web Avaliemos non cumpre cos estándares do W3C nin tampouco de accesibilidade e mais de compatibilidade WAI para persoas invidentes, de modo que poderían existir problemas de acceso a persoas discapacitadas.
  • A súa navegabilidade resulta un tanto complexa a vez primeira que se emprega.
  • Ao ser unha aplicación ad-hoc, os custos de desenvolvemento para cada actualización poden chegar a resultar excesivos.

Alternativa: Opina

Descrición

Opina [opina] é unha aplicación web para a xestión de cuestionarios deseñada para que calquera usuario poida elaborar os seus e adaptalos ás súas necesidades, obter resultados destes e, posteriormente, procesalos. Está desenvolvida na linguaxe Java e a súa instalación require ter previamente instalados MySQL, J2SE e Apache Tomcat.

Historia do proxecto

Nos seus inicios, a aplicación Opina non tiña nome como tal e atopábase desenvolvida en PHP. Posteriormente xurdiu a posibilidade de evolucionala grazas a un investimento económico da Universidade de Sevilla e así se fixo. A Universidade de Sevilla colaborou co seu desenvolvemento e foi a primeira en instalar a aplicación agora coñecida como Opina. O seu obxectivo era realizar desde calquera acceso da Internet os seus propios cuestionarios, xestionar os usuarios (enquisados), realizar modificacións así como parametrizar e configurar todas as opcións de que consta.

Posteriormente, outras colaboracións (UCA, URV, UGT etc.) fixeron que o proxecto continuase a evolucionar.

No mes de setembro de 2007 decidiu liberarse o proxecto Opina 1.x, como informou Manuel Recena, membro e director técnico do proxecto, na seguinte ligazón do seu web: http://www.manuelrecena.com/blog/archives/91-Opina-1.x-se-libera-con-licencia-GNU-GPLv2.html.

Licenza

Opina 1.x é software libre e distribúese segundo os termos da versión 2 da Licenza Pública Xeral GNU.

Membros e colaboradores do proxecto

Os membros activos deste proxecto son os seguintes:

O proxecto presenta os colaboradores seguintes:

  • Felix García Borrego, no grao de programador principal (inactivo). - borrego [at] gmail.com
  • Alberto Molpereces como programador (inactivo). - http://www.linkingpaths.com/ - alberto.molpeceres [at] gmail.com
  • Pedro José Lucas Doctor como programador. (Inactivo)

Quen emprega a aplicación

Algunhas institucións que están a empregar Opina son as seguintes:

  • Universidade de Sevilla [US]
  • Rama de Estudantes do IEEE da Universidade de Sevilla [IEEESB]
  • Universidade de Cádiz [UCA]
  • Universidade Rovira i Virgili [URV]
  • Unión Xeral de Traballadores de Andalucía [UGTA]

Funcionalidades

  • Creación de cuestionarios e enquisas de forma personalizada.
  • Distintos tipos de cuestións: numéricas, elección múltipla, gradientes, matrices e abertas.
  • Configuración de mensaxes de validación.
  • Configuración da data de inicio e de fin para os cuestionarios e as enquisas.
  • Número indefinido de cuestionarios por usuario enquisador.
  • Número indefinido de cuestións por cuestionario.
  • Posibilidade de crear grupos de cuestións con título e descrición.
  • Posibilidade de paxinar os cuestionarios e as enquisas.
  • Organización de cuestionarios e enquisas por cartafoles.
  • Portapapeis para copiar e mover os cuestionarios e mais as enquisas.
  • Xeración de informes globais e individuais.
  • Exportación de resultados en formato CVS para ser importados desde Microsoft Excel, OpenOffice.org etc.
  • Tres modos de acreditación e tres modos de rexistro con que definir os cuestionarios e mais as enquisas.
  • Creación de grupos de usuarios.
  • Asociación de usuarios a cuestionarios e enquisas.
  • Envio dun convite por correo electrónico aos usuarios asociados a un cuestionario ou enquisa.
  • Opina permite o emprego dun LDAP para a autenticación de usuarios.

Con respecto ao último punto, Manuel Recena, director do proxecto Opina, recomenda realizar unha carga de datos a partir dunha exportación dun LDAP e/ou BBDD. É dicir, para Opina, os alumnos son usuarios dos correspondentes cuestionarios que previamente o usuario enquisador deu de alta. Os profesores son usuarios con rol de enquisador e as materias con grupos de usuarios.

Deficiencias

  • Nas preguntas do tipo gradiente, se se indicaren 4 opcións aparecen 5: 0,1,2,3,4, un feito, o de comezar en 0 en lugar de 1, que resulta ilóxico nesta situación.
  • Nas preguntas do tipo gradiente non se pode configurar se se quere unha opción de non sabe/non contesta.
  • A interface e mais as mensaxes non están internacionalizados.

Estes tres puntos figuran xa como melloras propostas polos membros, polos colaboradores e mais polos usuarios do proxecto para as versións seguintes.

Perspectivas de futuro

No web de Opina están a formular novas funcionalidades para engadirlle ao proxecto e solucionar certas deficiencias. Entre os diferentes puntos que están a barallar, cómpre subliñarmos os seguintes:

  • A configuración das preguntas do tipo gradiente para que o enquisador determinar o valor mínimo e mais o valor máximo e para que o sistema amose, como valores, unha escala correspondente aos números enteiros maiores ou iguais que o valor mínimo e menores ou iguais que o valor máximo.
  • Engadir a posibilidade de que o usuario que realizou un cuestionario poida imprimilo.
  • Engadir un paxinador para os informes individuais de tal xeito que se poida navegar polos cuestionarios que realizaron os usuarios enquisados.
  • Engadir un conxunto de cuestións por defecto (o tipo de data, o tipo de idade etc.)
  • A configuración, nas preguntas de opción múltipla, se se quere que as opcións se amosen cun despregábel.
  • A posibilidade de almacenar os resultados dun enquisado no momento (data e hora) en que se fixo e, talvez, o instante en que comezou a realizar o cuestionario.
  • Engadir unha barra de progreso no asistente de cuestionarios, o formato [X de Y] ou unha porcentaxe para informar o usuario enquisado do número de páxinas que ten o cuestionario e da páxina en que se acha. Tamén barallan a indicación do número total de cuestións que contén o cuestionario. Ao o usuario definir un cuestionario, podería elixir cunha cela de verificación se quere que para ese cuestionario se amose a dita información.
  • Amosar, no asistente de cuestionarios, que cuestións están configuradas como requiridas.
  • Mellorar a escritura de instalación (/instalar,jsp) para que:
    1. pregunte os datos que teña que preguntar (usuario, contrasinal etc.)
    2. se execute automaticamente a primeira vez (se existir un ficheiro determinado ou non)
    3. a estética das páxinas sexa a da aplicación

No seu web, Manuel Recena indica na mesma nova en que se indica a liberación de Opina 1.x [5] que proximamente sairá a versión 2.0. de Opina.

[5]nova en que se indica a liberación de Opina 1.x: http://www.manuelrecena.com/blog/archives/91-Opina-1.x-se-libera-con-licencia-GNU-GPLv2.html

Comparativa

Características Avaliemos Opina 1.x
Compatibilidade W3C Non Si
WAI Non Si
Navegabilidade Complexa Sinxela
Linguaxe .NET Java
SGBD Microsoft SQL Server MySQL
Plataforma de instalación Windows Windows, Linux e MacOS X
Autenticación Si Si
Aplicación ad-hoc Si Non
Posibilidade de engadir instrucións Si Si
Enquisas personalizadas Dous tipos (xerais ou materias) Si
Tipos de cuestións Numéricas, pechadas, abertas, elección simple e múltiple. Numéricas, pechadas, abertas, elección simple e múltipla, gradientes, matrices.
Opción non sabe/non contesta Si Non
Número indefinido de enquisas por enquisador Si Si
Número indefinido de cuestións por cuestionario Descoñecido Si
Número de opcións de resposta por cuestión 18 Ilimitado
Configuración de mensaxes de validación Non Si
Configuración de inicio e fin de enquisas Si Si
Creación de grupos de cuestións Non Si
Paxinación das enquisas Non Si
Organización das enquisas por cartafoles Non Si
Opcións para mover, copiar e pegar cuestionarios Non Si
Xeración de informes Empregan SW intermedio Si (integrado)
Exportación de resultados CVS Descoñecido Si
Grupos de usuarios Descoñecido Si
Asociación de usuarios aos cuestionarios Si Si
Convite por correo electrónico Manual Automático
Internacionalización Non Non

Puntos que se deben ter en conta nunha migración

Cara a unha migración, habería que ter en conta diversos aspectos, nomeadamente os seguintes:

  • Organización da forma de migrar os datos dos usuarios da aplicación de Avaliemos á aplicación Opina 1.x. É dicir, sería preciso comprobar en que formato se poden exportar os datos de Avaliemos para observar se se poden pasar directamente a Opina ou é necesario facer algún procesamento intermedio dos datos.
  • Formación do persoal que realizar as enquisas no uso do novo software.
  • Obtención dos resultados das enquisas segundo o modo en que se precisaren/recuperaren en Avaliemos [avaliemos].
  • Comprobación de se os usuarios acostumados a usar Avaliemos precisen un período de adaptación ao novo software.
  • Debido ás características do novo sistema, existe a posibilidade de que sexa necesario un gasto en tecnoloxía e talvez en hardware.
  • Mantemento da aplicación. Avaliemos é unha aplicación ad-hoc e, por tanto, o seu código é pouco coñecido; como consecuencia, serán menos probábeis os problemas de seguranza. No caso de Opina, como é libre e accesíbel, estará depurándose continuamente perante novos erros. Por tanto, é necesaria a presenza de alguén capacitado para actualizar o sistema.

Conclusións

Sería interesante explorar a posibilidade de empregar Opina 1.x en lugar do software ad-hoc de Avaliemos nas tarefas de avaliación docente da UDC, xa que engade moitas características e funcionalidades convenientes no caso de ir cambiando as preguntas dos cuestionarios, como xa se vén facendo segundo se indica no informe técnico [6] que figura no web de Avaliemos. Por outra banda, é unha aplicación web que se valida a través de W3C, un feito que non acontece co software de Avaliemos. Para alén diso Opina conta cunha ampla comunidade de usuarios e de desenvolvedores e é presumíbel que esta se vexa aumentada en número debido a recente liberación do proxecto. Esta mesma circunstancia está a favorecer que outras universidades estean a considerar a súa adopción, e aumentaren así o número delas que xa o empregan.

A plataforma en que se sustenta Opina está composta integramente por software libre, con que se garante a independencia tecnolóxica con respecto ao seu futuro desenvolvemento e as súas posibilidades de implantación debido á súa natureza multiplataforma. Esta independencia permitiría, ademais, a personalización do software, caso de ser necesario, para unha mellor adaptación á idiosincrasia da nosa universidade.

A ferramenta de xeración de informes integrada na aplicación simplifica o proceso de recollida de datos á hora de xerar as estatísticas e mais os resultados para se publicaren como produto do proceso de avaliación docente no web destinado para tal efecto.

Por último, cómpre sinalar que Opina permitiría unha integración co LDAP que posibilita a xestión do alumnado, das materias, do profesorados e das súas asociacións, tal e como se fai co sistema de Avaliemos. Este é un aspecto de grande importancia se temos en conta a inminente migración a un novo sistema de LDAP centralizado.

[6]informe técnico: http://avaliemos.udc.es/index.php?option=displaypage&Itemid=102&op=page&SubMenu=
[avaliemos]http://avaliemos.udc.es/index.php
[IEEESB]Rama de Estudantes do IEEE da Universidade de Sevilla: http://ieeesb.us.es/
[opina]http://trac.ebabel.info/projects/eBabel/
[UCA]Universidade de Cádiz: http://www.uca.es/
[UGTA]Unión Xeral de Traballadores de Andalucía: http://www.ugt-andalucia.com/
[URV]Universidade Rovira i Virgili: http://www.urv.cat/
[US]Universidade de Sevilla: http://www.us.es/